En calquera caso, crese firmemente en que a morte sempre avisa, o que permite prepararse para ese momento, e iso axuda a minora-la angustia da ameaza constante da morte. O conto é saber capta-los anuncios que nos envía. Estes avisos chegan por distintas vías: ánimas [2] ou espíritos que se achegan a quen vai morrer ou a alguén do seu entorno (o caso máis coñecido sería o da Santa Compaña); a propia morte que vén advertir ó futuro defunto, antes de vir buscalo definitivamente; ou mediante outros sinais emitidos, normalmente, por distintos animais. Tamén se interpretan así outros feitos inexplicables, como o toque dunha campá sen que ninguén a tanxa, a coincidencia do son das campás de dúas parroquias, que se apague un cirio no funeral ou o cheiro a cera ou a aceite nunha encrucillada ou dentro da casa. Verte-lo sal na mesa pode considerarse só agoiro de mala sorte ou mesmo unha maior desgracia [3], así como escoitar golpes na porta ou na ventá (que se explican como ánimas que veñen petar na porta para entrar na casa). Crese, finalmente, que as ánimas dos familiares emigrados ou que viven lonxe poden vir facernos unha última visita de despedida xusto no instante no que morren.
A capacidade de percibir este tipo de avisos non é común e crese que algunhas persoas son máis propensas que outras. Son os vedoiros, que poden chegar a ver o enterro tal como se vai producir, recoñecendo tanto ó morto como ós que o acompañan.
Un corvo, agoiro de morte
Ver un corvo no camiño ou nas proximidades da casa, por ser negro, por comer carniza e polo seu berro agudo e característico. Por iso, cando se vexa hai que dicirlle: "Corvo agoireiro, vaite lixeiro, que nesta porta non hai carne morta" [5].
- O canto do moucho, da curuxa ou doutras aves rapaces nocturnas. O canto lúgubre destas aves remeda os xemidos e o pranto. O moucho agoira unha morte próxima cando vén cantar enriba da casa dalguén ou nas árbores próximas[6].
- A galiña que canta coma o galo. Crese que as galiñas vellas cantan como o faría un galo, polo que tal feito, propio da vellez, agoira a morte. Para espanta-lo agoiro hai que dicir: Pasa, mala cousa, pasa,/ San Xuan bendiga nuestra casa/ cunha palanca/ por riba da casa [7]. Outras informacións van máis lonxe e aconsellan que cando tal aconteza hai que mata-la galiña de contado e, deste xeito, a desgraza que agoiraba recaerá sobre ela. Rivas Quintas engade que, á vez que se lle retorce o pescozo, hai que dicirlle: Morte por morte, en ti cai a sorte [8].
O ouveo dos cans ou do raposo, porque lembran os prolongados choros da familia durante o velorio e no enterro. Se se escoita ouvear un raposo de noite sábese que está próxima a morte dalgún veciño. Outras informacións matizan máis: ver un raposo en xexún é sinal de bo agoiro, pero se é unha raposa é sinal dunha desgraza próxima

No hay comentarios:
Publicar un comentario